Borja Antela-Bernárdez

 A POÉTICA DA HISTÓRIA E A HISTORIA EN ESPIRAL

 

Borja Antela-Bernárdez

 

Dende vai un tempo incerto en diante, certas sentencias, tan recorrentes, empregades xa sen senso de ningún tipo, resúltanme incómodas e ate insultantes. Esas afirmacións simplificadoras, de que a historia se repite e demais, e sobre todo, de que quen non coñece a súa historia ten tendencia, e risco, de repetila, pululen sen piedade por tódalas conversas que, ó longo das xornadas e conversas. E son estas unha especie de regras normativas da percepción popular da historia, que, lonxe de favorece-la reflexión teórica e filosófica popular sobre o tempo e o seu relato, o que provocan é unha profunda confusión, a lo menos no meu entendemento.

 

Dito isto, quixera atender agora a un caso preciso e concreto desa repetición continuada da historia, ou da historia como repetición. En primeiro termo, vale a pena ter presente que a idea máis habitual da construción do tempo pasado é, no noso marco cultural europeo e occidental, de tipo lineal ascendente. Esta cronoloxía conceptual do mundo, á que incluso poderíamos ter chamado cronogonía, en tanto que o tempo é percibido tamén como axente fundamental da creación e existencia do mundo, para o noso contexto cultural queda permanentemente definida pola linealidade ascendente do tempo cristián, no que a creación explicada no Xénese sinala o principio, mentres que o final ven tamén predisposto de antemán, e descrito no Apocalipse de San Xoan. A diferencia entre o primeiro tempo e o último tempo, entre o tempo da Xénese e o do Apocalipse, está definida polo ser humán na súa relación con deus, e polo tanto o tempo humán, a historia, é o período que vai dende a expulsión do paraiso ate o xuicio final e o retorno do reino de deus, ou si se prefire, dende a mesma fundación do mundo ate o final do mesmo, ainda que esta opción reduce intensamente o role da humanidade como protagonista nesta especie de ferramenta de deus que é o tempo.

 

Unha descrición tal do tempo cristián non é precisamente innovadora, e resulta efectivamente ben coñecida. Autores como San Agostiño, e séculos despois Herder ou Hegel, precisan para os seus tempos propios e a mesma posteridade os elementos teóricos desta concepción. Para nos, é importante ter en conta a enorme influencia do modelo hegeliano na estruturación da historia. Fora óptimo ter aplicado aquí unha revisión dos usos da división en épocas, e sobre todo da concepción temporal de Hegel nos modelos educativos de diferentes países, a partir de manuais e libros de texto, mais penso que ese non pode ser agora o obxectivo destas páxinas, pois tería claramente superado con creces os espazos desta comunicación.

 

Nembargantes, esta sinxela percepción lineal do tempo como concatenación de feitos e procesos nunha serie que ademais ten sentido e é resultado dun plan divino (tal e como pensaba Hegel, e de feito tamén Kant), convive aínda con outras percepcións que parecen funcionar de maneira aliena ó concepto temporal maioritariamente aceitado. Koselleck fala de diversas percepcións do tempo, por exemplo, e propón unha convivencia de percepcións e concepcións temporais que cohabitan e comulgan, todas xuntas, de forma simultánea, e engade a valiosa idea do tempo imaxinado (KOSELLECK 2001; ZAMMITO 2021)

 

O tempo, de feito, na súa percepción, ten moito que ver coas identidades. É así sobre todo no tempo que chamamos histórico (que valería por si solo, este termo, un estudo monográfico), o tempo dos feitos e dos procesos, no que a realidade que se contempla non é, pese ós esforzos dalgunhas correntes teóricas como a dos Annales, global. O tempo histórico é, de feito, unha selección de momentos, de personaxes, cunha explicación específica que ten como obxectivo xustificar unha realidade ou a necesidade dun cambio na realidade presente e sobre todo futura, máis que non unha realidade pasada. Dito isto, e volvendo de novo á afirmación tan manida, e tan aberta aínda, de Aristóteles, cando sinala que a poesía é superior á historia porque é universal, e a historia é simplemente concreta (Arist. Poet. 1451b).

 

Claro, a historia acostuma a dedicarse a feitos específicos e non outros calquera, a personaxes e procesos e anos ou períodos e prezos e realidades específicas e concretas. Maila todo, esta selección de casos, personaxes, períodos anos, prezos, realidades, etc... ten así mesmo como obxectivo a universalidade, pois cando a historia fala, por exemplo, de Alexandre Magno como representación do poder real, da forza das armas ou dos modelos imperiais, se ben pretende falar de Alexandre e non de calquera outro exemplo histórico similar, o certo é que a lectura, a percepción, o uso do saber é tamén universal en tanto que ofrece ás persoas elementos de reflexión sobre a súa realidade, as súas preocupacións e o seu tempo concreto, ou sobre os tempos diversos, o pasado, o futuro, e a configuración mesma da experiencia vital humana colectiva, en tanto que posibles e imposibles.

 

Claro que esta configuración conceptual da realidade, e da historia en tanto que tempo pasado humano amplo e mutable (¡o tempo pasado muta todo o tempo! Non é fixo, pois os diferentes estudos e os descubrimentos constantes da investigación fan que o que pensamos que sabíamos sobre o que aconteceu poda ser corrixido, modificado, cambiado. Polo tanto, o pasado é modificable, cambia, no noso presente) non se explica nas escolas, nin se lle da un lugar na percepción popular. Nembargantes, dalgunha maneira, a idea de que o pasado se repite (que parece querer remitirnos ó concepto cíclico do tempo, aquel dos gregos, no que Tucídides advirte que non repitamos os horrores da Guerra do Peloponeso; aínda que Herodoto quere expor os feitos das Guerras Médicas porque son como a Guerra de Troia, pero de feito, nesta concepción, tódalas guerras son a Guerra de Troia-como pode observarse nos historiadores de Alexandre Magno- e polo tanto tódalas guerras son as Guerras Médicas, e a Guerra do Peloponeso, porque tódalas guerras son de feito o mesmo proceso humano (?) parece querer acoller esta posibilidade dunha historia universal, na que o que acontece ten de feito unha soa dirección, a que marca a repetición.

 

Dito todo isto, que deu lugar a un texto un pouco complexo e pouco claro, penso que fora útil recorrer aquí a un bo exemplo. Votaremos man pois de dúas preguntas que formaron parte dos exames de Selectividade do ano 2018 en Catalunya. Vaia por diante que non teño aquí a intención de criticar o que se pregunta, nin os modelos de exame, nin as preguntas: sinto profundo respeto pola cultura catalana e pola súa historia e historiografía. Son estas preguntas nada máis aquí que exemplos, que poderían ser substituídos por outros diferentes, pero estes resúltanme ben coñecidos.

 

No examen de Selectividade para o acceso á universidade do ano 2018 (convocatoria de Xuño), unha das preguntas a resolver era o comentario dunha fotografía na que se podía ver unha xente perseguida na rúa pola policía. O contexto, pola foto e polos detalles da mesma, era o das manifestacións pro-amnistía e en demanda do estatuto de autonomía en Catalunya na primeira fase da transición española despois da ditadura de Franco. Nembargantes, o que comentou boa parte do alumnado, directamente (é dicir, describindo detalles que non aparecen na foto pero sí existían no imaxinario do alumnado, ou na súa memoria), foi a vivencia persoal e colectiva do dia 1 de Outubro de 2017 (1O), cando o intento de votación dun referendo pola independencia foi duramente reprimido, como puido ter sido visto nos telexornais do mundo enteiro. Dito isto, as respostas do alumnado non describían ‘os grises’ do período franquista que apareceran na imaxe, senón que se describían ás forzas da Garda Civil do 1O. Da mesma maneira, o alumnado describe o que lembra a súa retina e non o que está na imaxe, é dicir, que describe a vivencia propia e non o contido histórico da imaxe. Da mesma maneira, nesa convocatoria o exame incluíu tamén unha pregunta sobre a II República española (1931-1936), ofrecendo o primeiro artigo da Constitución da mesma, e resulta interesante que foi nese mesmo curso (10 de Outubro de 2017) cando, a raíz do 1O, o Goberno de Catalunya declarou a súa independencia, aínda que esa declaración quedou en suspenso e durou segundos.

 

Os vínculos entre o presente e o pasado teñen neste importante exame unha clarísima expresión. E non é este o espazo pertinente para discutir arredor da intrínseca relación entre identidade e pasado. Tampouco é a miña intención cuestionar aquí as provas para Selectividade de 2018. Pero paréceme un exemplo paradigmático dos vínculos establecidos entre presente e pasado. A historia científica, aséptica, distante do ser humano e das súas necesidades en tanto que ser histórico, adoece dunha mirada que, por racional e lineal, a miúdo busca ofrecer explicacións ordenadas e causais.

 

Se como sinalábamos ó principio deste traballo, a percepción histórica sobre a que se sustenta a nosa idea de tempo e do seu percurso, do seu paso, é dicir, a idea da historia, en tanto que tempo lineal, ten que ver en realidade coa fundamentación conceptual do cristianismo (coas súas raíces, e influencias externas), artellando unha idea lineal da historia, cunha orde de feitos antes e feitos despois, de causas e efectos, cabe ter moi presente que esta idea foi elaborada tamén conceptualmente por pensadores moi influenciados pola relixión cristián, como os mencionados San Agostiño, Herder ou Hegel.

 

Interrógome, agora, pois, sobre a capacidade humana do individuo para entender e percibir completamente esta visión do tempo lineal e ascendente que é a que estes autores elaboraron para a Historia. De feito, a Historia racional de Kant, Herder e Hegel nace dende a concepción da historia como plan de deus para a humanidade. Polo tanto, esta historia, este plan de deus para os seres humáns responde a un tempo que está concibido pola divindade. En certo modo, autores como Bermejo Barrera e moitos outros falaron xa do carácter do historiador científico como espectador catóptrico da realidade, e polo tanto, con acceso á perspectiva privilexiada que deus tería do seu plan para o acontecer humán. Penso pois que esta percepción lineal responde a un imaxinario que atende a deus máis que ás persoas.

 

¿Pero podemos as persoas vivir dentro dese tempo liñal únicamente? ¿Funciona a nosa percepción do tempo namáis que liñalmente? Moitos exemplos parecen desmentir esta posibilidade. En primeiro lugar, os nosos recordos, as lembranzas, que se van acumulando, teñen unha incidencia constante tanto no noso ser e vivir como na nosa percepción do tempo, do espazo e das connotacións dos feitos que vivíramos e temos por vivir. É dicir, que os feitos da vida humana non acontecen sinxelamente dentro dun esquema lineal. Máis ben, o que sucede ten connotacións cíclicas, concéntricas, e en espiral, no senso que van e veñen, voltan á nos, en momentos precisos, ou habitan dentro de cada un de nos como ingredientes fundamentais do noso ser e estar no mundo. Tamén a nivel colectivo isto pode observarse como un eixo continuado, pois celebramos tanto as efemérides individuais (aniversarios, etc...) como colectivas (festas locais, festas colectivas como o Nadal, etc...), ou incluso dates que recordan feitos históricos como o 2 de maio en Madrid ou o 11 de setembro en Catalunya: Ate qué punto este tipo de celebracións (que nos dous casos son dunha derrota) non só conmemoran senón que fan revivir un conxunto de vivencias –vividas por aqueles que agora conmemoran no presente ou non– relacionadas co acontecemento histórico que se está a conmemorar? Ate qué punto estas dúas datas non fan que volvamos a ser derrotados, de novo, cada ano, e a pensar niso dende este posizonamento, nunha liña que se fai cada ano máis eterna en relación coas vivencias que aquí poderiamos chamar nacionais (en tanto que configuran identidades nacionais)?.

 

Fai anos que considero de gran interese para a relación co tempo propio e colectivo, e co relato histórico e a súa elaboración, a novela de Kurt Vonnegut SlaughterHouse Five, na que o autor mira de relatar a súa vivencia durante o bombardeo de Dresde (o bombardeo máis duro da II Guerra Mundial, aínda que nel non se empregaron bombas atómicas). A relación dos feitos, sen embargo, non se elabora de forma lineal, e creo que iso ten que ver con varias opcións do autor, pero tamén coa imposibilidade de recordar un feito complexo de maneira totalmente liñal. Isto, sobre todo, lévame a cuestionar a liñalidade na relación entre os seres humáns, as lembranzas e a experiencia de relación do histórico.

 

Así comeza o principio do capítulo 2:

 

“Listen:

Billy Pilgrim has come unstuck in time.

Billy has gone to sleep a senile widower and awakened on his wedding day. He has walked through a door in 1955 and come out another one in 1941. He has gone back through that door to find himself in 1963. He has seen his birth and death many times, he says, and pays random visits to all the events in between.

 

He says.

 

Billy is spastic in time, has no control over where he is going next, and the trips aren't

necessarily fun. He is in a constant state of stage fright, he says, because he never knows what part of his life he is going to have to act in next.

Billy was bon in 1922 in Ilium, New York, the only child of a barber there. He was a

funny-looking child who became a funny-looking youth-tall and weak, and shaped like a bottle of Coca-Cola. He graduated from Ilium High School in the upper third of his class, and attended night sessions at the Ilium School of Optometry for one semester before being drafted for military service in the Second World War. His father died in a hunting accident during the war. So it goes” (VONNEGUT, 1969).

 

Físicos e filósofos teñen sinalado que o tempo non existe. Como historiador, estou disposto a sentir cómo esta afirmación cuestiona a miña maneira de entender a realidade e o mundo no que vivimos. Non podo aceptar que o tempo non sexa unha dimensión de gran importancia na vida. Ate certo punto, debería dicir incluso que o tempo “é” o ingrediente mesmo da vida. Pero máis alá diso, cabe preguntarse cómo percibimos as persoas o tempo, e qué relación mantemos co tempo como vivencia e como discurso. E dende esta percepción humana e en detalle (que inclúe outras formas de tempo diferentes do tempo lineal propio da mirada do mundo dende o prisma da divindade), tratar de atender á posibilidade de formar persoas críticas con relacións coas vivencias propias e, sobre todo, coas vivencias alleas (=a Historia) que poidan elaborar discursos históricos que acollan a diversa percepción humana do pasado.

 

Se voltamos ó principio deste traballo, quero voltar á idea mesma da historia e da súa poética. Aristóteles considerába que a historia trataba o concreto, e a poesia o absoluto. Mais, exames como os do 2018 mentados aquí poñen de manifesto que mediante o concreto (a foto das manifestacións pola amnistia que os alumnos en 2018 interpretan como reversión do 1O, o recurso a pedir comentar o primeiro artigo da constitución republicana do 1931 no ano –2018– que se declara unha república de novo...) a historia quere evocar tamén o absoluto, o universal. E a historia conmóvenos (e interésanos), non só polo pracer intelectual, polo coñecemento, senon tamén por medio da empatía cos humáns implicados naquilo que configura a Historia, e polo desexo de comprende-los (e comprender-nos). A Historia funciona, pois, aquí, de novo, como espiral.

 

Para concluír, quero defender que unha parte do aprendizaxe sobre o tempo pasado e o tempo histórico nos niveis pedagóxicos infantís ten que achegar ó alumnado á xestión persoal e emocional do pasado colectivo, da Historia, e abranguer máis que a simple liña ordenada dos feitos. Esta liñalidade tiña sentido na formulación dos vínculos entre pasado e presente cos que se elaboraban as identidades nacionais na formulación histórica dos estados modernos (ss. XVIII-XIX-XX), pero a día de hoxe precisamos unha profundidade de percepción histórica máis complexa, máis humana, colectiva, poética e universal.

 

 

Referências biográficas

 

Dr. Borja Antela-Bernárdez, professor da Universitat Autònoma de Barcelona.

 

Referências bibliográficas

 

KOSELLECK, Reinhart. Los estratos del tiempo. Estudios sobre la historia. Barcelona: Paidos. 2001.

 

VONNEGUT, Kurt. Slaughterhouse Five. New York: Delacorte Press. 1969.

 

ZAMMITO, John H. “Koselleck’s Times”. In HISTORY AND THEORY 60.2, 2021, p.396-405.

Um comentário:

  1. Olá Borja! Também no Brasil o ensino de História tende a homogeneização, ao total, deixando as histórias locais e regionais de lado! Isso se apresenta lamentável pois são nas séries iniciais que as crianças estudam seus contextos históricos imediatos! Em resultado a falta de conteúdos de historia local ou regional e suas reflexões, somadas as metodologias que valorizam as totalidades, vemos uma ensino de história pobre e limitado em relação as crianças! Justamente em um período em que a proximidade com a historia local pudesse melhor permitir sua compreensão e relação com a experiência e finalidade da história! Podemos resolver isso? Abcs!

    ResponderExcluir

Observação: somente um membro deste blog pode postar um comentário.